Finalizado o abaluartamento da cidade cara o último cuarto do século XVIII, a configuración urbana a inicios do XIX non difire moito da dos séculos precedentes. Condicionada polo propio sistema defensivo, segue a artellarse en dous núcleos diferenciados e con personalidade propia: a cidade alta e o populoso barrio da Pescadería, alén do pequeno barrio de Santo Tomás cara o norte da península. Máis aló do espazo urbano os arrabaldes próximos medran por influencia da cidade, especialmente Santa Lucía cun crecemento lineal apoiado no camiño de Castela.
Se a escala territorial as transformacións da cidade apenas se albiscan, é a escala urbana onde A Coruña experimenta importantes cambios resultado dunha burguesía que busca construír unha cidade a súa imaxe e semellanza. Un impulso que vai mudar a paisaxe urbana: urbanizando e ornamentando rúas, ordenando a fronte urbana cara á baía, levantando unha nova fachada marítima acompañada dunha arquitectura suntuosa, e incorporando melloras en distintos servizos urbanos.
Unha fita no proceso de transformación da cidade e a súa fisionomía foi a instalación da sede de Correos Marítimos na Palloza, a súa habilitación como porto aberto ao comercio americano e a instalación do Real Consulado Marítimo Terrestre, impulsando tanto o tráfico e a actividade mercantil, como os proxectos de desenvolvemento do porto. En todo caso, non será ata décadas despois que estes plans se materialicen, coa excepción da praza da Aduana e o andén da Mariña, que dando continuidade ao existente nos Cantóns, pechará a fronte marítima para acoller a actividade portuaria.