As restricións militares para garantir a defensa da praza forte condicionaron o ámbito de expansión da cidade contribuíndo á gran densificación dos espazos construídos. Perdido este papel militar, o derrubo das murallas iniciado en 1860 vai impulsar grandes transformacións urbanas, entre elas a conexión entre os núcleos da cidade Alta e a Pescadería.
Xunto á progresiva colmatación deste espazo, os dous principais ámbitos de expansión da cidade serán o barrio das Atochas cara á península da Torre, e o Orzán ao norte da Pescadería. Extramuros é a zona de Santa Lucía, baixo o impulso das actividades pesqueiras e portuarias desenvoltas trala instalación dos Correos Marítimos no século XVIII, o principal polo de crecemento, conectándose coa cidade a través da ocupación dos lugares de Garás e Linares Rivas ao longo do bordo litoral.
Parella á transformación da cidade é a do seu porto coa construción das primeiras infraestruturas portuarias propiamente ditas a través de espazos gañados ao mar, unha estratexia que marcará a futura evolución do mesmo mediante a ocupación progresiva da baía coruñesa e do litoral cara o sur.