A cidade experimenta unha ocupación progresiva do primeiro Ensanche e da zona de Santa Lucía, ao mesmo tempo que se planifica e desenvolve un segundo Ensanche como nova área de expansión urbana organizando o crecemento da cidade ata practicamente os límites do antigo termo municipal coruñés previo a súa fusión co de Oza no ano 1912.
En todo caso este segundo Ensanche non vai conseguir canalizar todo o crecemento da cidade que continuará a expandirse pola península da Torre e noutras zonas periféricas.
Tampouco o proxecto deste Ensanche se levará a cabo tal e como foi concibido, é o caso da cidade Xardín en Riazor que substituirá a un parque proxectado orixinalmente.