Tralo atraque sufrido polos ingleses en 1589 no contexto da guerra anglo-española e a destrución dos barrios da Pescaderia e Santo Tomás, comezou a reconstrución dunha cidade que segue configurada en torno a dúas realidades urbanas, a Pescadería, arrabal mariñeiro, e a cidade Alta, sede das principais institucións do Reino de Galicia, que fixeron da cidade, nomeada por Felipe II como Forza e Garda do Reino de Galicia dado o seu papel estratéxico como porto atlántico, a capital de facto do Reino.
Os sucesivos proxectos para a súa defensa, e da fortificación da baía coruñesa entre San Amaro e Mera, irán materializándose con lentitude sen chegar a executarse por completo o abaluartamento da cidade a pesares da aposta da monarquía borbónica por potenciar o seu papel estratéxico na fachada atlántica. Tampouco os plans para o desenvolvemento dunha infraestrutura portuaria acorde coa entidade da cidade se levarían a cabo neste tempo.
Das numerosas iniciativas de mellora urbana apenas se levarían a cabo algunhas, coa significativa excepción da construción da viaxe da auga de Visma, que complementa á de Vioño, co obxecto de por fin aos persistentes problemas de abastecemento de auga que arrastraba a cidade.